Arestora

Actualmente, non estou traballando nin buscando traballo, senón tratando de arranxar a cabeza e decidir cara onde ir. Nos últimos anos traballei como profesor de historia, xeografía e historia da arte, pero quen sabe o que traerá o futuro.

Colaboro en Pórtico-AEFCFT (Asociación Española de Fantasía, Ciencia-Ficción y Terror) como voluntario.

Con certa frecuencia, fago cousas rol, sexa dirixir, preparar, traducir ou facer materiais de axuda, organizar xornadas e actividades, xogar sen máis ou, simplemente, conversar. Xogo coa familia, coas amizades, ou con quen sea. De cando en vez, participo nas Irmandades do Dado, que cofundei e onde fun admin do seu discord.

Participo no Clube de Lectura de Cómics do Forum Metropolitano, que modero dende 2021.

Levo un ano e pico deixando paso a paso o internet máis corporativo e teño unha conta de Mastodon no fediverso, un lugar chulísimo. Alí comento as cousas que vou facendo e, sobre todo, comparto posts de xente máis interesante ca min.

Familia, amizades e parella son boa parte do meu tempo, e en especial o meu avó, co que vou pasear para que non quede sentado todo o día.

Teño unha gata chamada Vagalume. Chámoa Vaga, pero sei que para ela o vago son eu.

[Última actualización: 07 de febreiro de 2025]

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario