O que fixen
BRATOLJUB (eli)

Propietarie da pousada-e-taberna A Cachola do Osomoucho. Unha persoa temerosa das deidades, pero moi malgastadora. Disque foi aventureire fai moitos anos e deixou esa vida debido a un frechazo no xeonllo. É mentira, unha treta para atraer clientes ao seu negocio.
- Pousadeire
- Humane – Cando actúo conforme a un dos meus defectos, teño +1 na próxima.
- Un pouco sucie. Leva un pirsin nunha orella, disque lembranza dunha das súas aventuras.
- Piadose e malgastadore.
- Aliñamento: Neutral
- FOR 15 (+1), CON 09 (0), DES 12 (0), INT 05 (-2), SAB 12 (0), CAR 14 (+1), SOR 09 (0)
- PV: 4
- Capacidade: 5
- Equipo: porra (1d6, preto, aturde, peso 1), provisións (2d4 racións, peso 2), isqueiro (sen peso)
JANINA TAKAVIC (ela)

A camareira da Cachola do Osomoucho e compañeira de Bratoljub. Unha muller egoísta, pero que vai de cara. Na vila non se sabe, pero foi asaltadora de camiños ata que un frechazo no xeonllo a retirou desa vida.
- Camareira
- Humana – Cando actúo conforme a un dos meus defectos, teño +1 na próxima.
- Fáltalle un dedo e coxea. (Secuela da súa vida anterior.)
- Egoísta, pero honesta.
- Aliñamento: Neutral
- FOR 08 (-1), CON 08 (-1), DES 11 (0), INT 04, SAB 11 (0), CAR 12 (0), SOR 12 (0)
- PV: 1
- Capacidade: 3
- Equipo: porra (1d6, preto, aturde, peso 2), barril de cervexa (2 racións, 2 peso), caixa de caudais (peso 1)
JOZEFINA SVIATOI (ela)

Unha muller graciosa salvo cando se pon violenta, e viceversa. Dende fai pouco, ten problemas coa súa esposa, que está encinta. A esposa, Miriam, está convencida de que a criatura é “de Deus” e quere tela. Jozefina non dubida de Miriam, pero non lle gusta a situación.
- Carpinteira
- Humana – Cando actúo conforme a un dos meus defectos, teño +1 na próxima.
- Ten unha pel perfecta, pero non lle viría mal bañarse con máis frecuencia.
- Divertida, pero agresiva.
- Aliñamento: Neutral
- FOR 13 (+1), CON 11 (0), DES 15 (+1), INT 11 (0), SAB 11 (0), CAR 06 (-1), SOR 08 (-1)
- PV: 3
- Capacidade: 5
- Equipo: machada (1d4, guindable, preto, pouca distancia, peso 1), serra de man (peso 1), útiles de escritura (sen peso)
SAMUILO GAVRIC (el)

Un campesiño borracho, comellón e teimudo que xa non se fala co seu pai.
- Campesino
- Miúdo – Cando como polo menos 1 ración máis do que preciso, teño +1 na próxima.
- De tez escura e aspecto xuvenil.
- Borracho, comellón e teimudo.
- Aliñamento: Malvado
- FOR 07 (-1), CON 11 (0), DES 06 (-1), INT 09 (0), SAB 16 (+2), CAR 09 (0), SOR 15 (+1)
- PV: 2
- Capacidade: 3
- Equipo: forcada (1d6, alcance, peso 1), fanega de avea (2d4 racións, peso 4), proba de afecto (a pipa que lle regalou o seu pai, sen peso)
Por que fixen isto
As personaxes creeinas para a partida de rol A meiga da Pena Carmesí, unha aventura de tipo funil [1] usando os materiais da beta aberta [2] do xogo Freebooters on the Frontier (2ª edición) [3]. Dirixirá Manu de Louredo en Irmandades do Dado e xogaremos en galego. Estas son as personaxes que levarei eu.
En canto aos debuxos, os fixen:
– Porque tiña moitas ganas.
– Porque botaba moito de menos debuxar.
– Porque non ten que darnos pudor ou vergoña expresarnos artisticamente en disciplinas artisticas nas que consideremos que o noso nivel “non é dabondo”, ou que o facemos “mal”, porque iso son xuizos erróneos e irrelevantes.
– Porque vou xogar con Undead Mole (Bluesky, itch.io) e co propio Manu, que tamén practican o de expresarse debuxando e teñen esa filosofía.
Como fixen isto
As personaxes: usando o creador aleatorio de personaxes que ven no xogo e un chisquiño da miña imaxinación.
Os debuxos: moi rápido, sen atender aos error e imperfeccións, sen pensar, sen parar, e sen permitirme mirar atrás, porque cada segundo que pasaba sentía máis preto o alento do síndrome do impostor, da vergoña e do perfeccionismo.
Por que é importante isto
Por todo o anterior, pero tamén porque realmente estou moi contento cos resultados, pese a todo. A experiencia foi moi boa para min. Alegroume a tarde. E se a vida non é procurar tardes alegres… Que é?
NOTAS
[1] ↑ Unha aventura tipo funil é: moitas personaxes entran nunha masmorra, son xente sinxela e ordinaria, moitas probablemente morrerán, e cada xogante leva varias.
[2] ↑ Unha “beta aberta” é un xogo que está en desenvolvemento, é dicir, aínda non listo para a súa distribución, pero que está en aberto para que as persoas interesadas poidan coñecelo, probalo e axudar ao equipo de desenvolvemento dándolles información sobre a súa experiencia probando o xogo.
[3] ↑ Freebooters on the Frontier é un hack [4] de Dungeon World [5], un xogo da familia PbtA. Foi creado polo talentosísimo Jason Lutes, do que xa falei neste blog.
[4] ↑ Se sigo abrindo notas ao pé esta publicación nunca sairá á luz, así que aí vos quedades. Internet e voso. Usádeo.
[5] ↑ Outra vez? Veña, lisca, as respostas están aí fóra, vai por elas.
Encantoume o de “E se a vida non é procurar tardes alegres… Que é?”
Palasaca!