Partida de rol: «Troubles in Otari»

A miña primeira partida a Pathfinder

Un collage feito cos elementos que veñen dentro da caixa de iniciación deste xogo: dous taboleiros amosando o plano da masmorra, dous libriños (un para a persoa que dirixa, outro para as xogantes), os libretos e fichas de catro personaxes, as miniaturas de cartón con peana das personaxes e inimigos, os dados poliédricos, e catro cartóns-resumo das regras de combate.

Fai uns días xoguei a 1ª sesión dunha partida de rol presencial na que usamos a versión “remasterizada” de Pathfinder 2ª Ed. (en adiante neste post, “PF2r”). O máster foi Renato (un tipo portugués afeccionado a PF), Manu (manueldelouredo en Irmandades do Dado), e outro tipo chamado Dani. O máster usou a aventura predeseñada que ven na Begginer’s Box do xogo e que se titula Troubles in Otari. Xogamos unhas 4 h en casa de Renato. Eu xoguei usando a ficha de Kyra, a crega “icónica” de Pathfinder.

Foi unha (inesperadamente) grata experiencia. A xente foi simpatiquísima e agradabilísima. Sempre é divertido xogar con Manu (é algo despistado, pero é creativo, proactivo e moi motivado), pero os outros dous foron agradables achados. A destacar o feito de que Renato decidiuse a sacar partida logo de participar en Dúas Trols nos Castros (que coorganicei) e que conseguiu á metade dos xogantes en Irmandades do Dado. Punto para min. E o chourizo que trouxo Dani tamén estaba moi bo! A aventura ata o momento non está mal: e sinxela, encarrilada e mata-mata como só pode ser unha aventura de iniciación dun xogo así, pero é entretida e sabemos tirarlle proveito a base de rolear e bromear.

O que máis me sorprendeu (de aí o de que foi “inesperadamente grata”) foi o propio xogo: por malas experiencias pasadas, e unha ficha que vin, e a opinión xeral da xente dos meus círculos roleiros, pensei que calquera iteración de PF sería moi crunchy e moi táctica para min, pero, sexa polo puído que está xa o xogo (parece que moito), sexa pola ficha para principiantes (moi clara e concisa, e distinta da que vira), sexa polo bo labor do máster, ou pola miña xa grande familiaridade cos xogos da familia D20, as mecánicas non se me fixeron farragosas e a parte táctica se me fixo áxil e levadeira, incluso interesante. (Esteban, de Pórtico, dixérame: é o mellor xogo facendo o que fai. Coincido.)

Non vou converter PF2r no meu xogo de cabeceira (non, dende logo, para dirixir), pero espero con ganas a próxima sesión, non me disgusta a idea de apuntarme a máis partidas no futuro, e incluso teño curiosidade por lerme as regras (e o lore!).

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario