Detrás deste título de aventura de rol, agóchase unha vivencia recente e bastante prosaica: esta mañá (15 de maio de 2025), aproveitando unha cita cunha amiga para ir doar sangue no CHUAC (o hospital público de Coruña), paseei un pouco pola cidade e tiven a oportunidade de volver pisar —despois de, francamente, moitos anos— a principal biblioteca pública da Coruña: a biblioteca Miguel González-Garcés [1].
Que gusto volver por alí! Non podo crer que levase tantos anos sen pisala… Cando foi a ultima vez? Estudando para as oposicións xusto antes da pandemia? Despois? Nin lembro. Adoro as bibliotecas en xeral cunha adoración intensa que non sei de onde sae: talvez da infancia (iso explicaría a inocencia infantil desta veneración), talvez da miña etapa universitaria (onde eran un refuxo de paz e silencio nunha época na que moi frecuentemente estiven rodeado de persoas falangueiras e ruidosas e moi activas)… Pero, sobre todo, por ser sitios tan tranquilos, cheos de libros fantásticos (gústanme os libros, mal que me pese), e todo tan ordeado e limpo. A isto temos que engadirlle que son, xunto aos xardíns, practicamente os únicos oasis á marxe do hiperconsumismo e o hiperprodutivismo actuais, lugares abertos a todo o mundo, gratuitos, cómodos, cheos de actividades gratuitas para moitas idades, envorcadas en exclusiva no servizo á comunidade e ás persoas… Sei que é caer nun lugar moi común, pero: se non existisen xa, hoxe en día a soa idea de crealas sería considerada unha excentricidade post-capitalista, comunista.
Pero estou andando coa lingua ao redor… A cousa: a González-Garcés. Esta biblioteca é, por riba, un formidable espécime da súa propia especie, pois é grande, ampla, limpa, luminosa, elegante, ven ventilada… A súa colección de cómics é un auténtico goce, e por riba están expostos nuns expositores como de tenda, nos que as portadas teñen o protagonismo e a visibilidade que merecen, e ao seu redor hai asentos confortables onde lelos… Ah! Moito me gusta este lugar! Levei tres cómics, por certo, que procedo a enumerar e ensinar:
- Arrepío (VV. AA.), de Demo Editorial
- Cabana de Balieiros, creación de “Tokio”, tamén con Demo Editorial, e
- ¡García!, o xa famoso cómic de Santiago García e Luis Bustos con Astiberri

(Cada un destes cómics merecería algún comentario máis, pero este post xa está a levarme máis tempo do que esperaba e do que podo permitirme, porque teño que prepararme para dirixir unha partida de rol dentro dun par de días.)
Ademais, atopámonos cunha exposición de rochas, minerais e fósiles cedidos por Richard Romar Rodríguez organizada pola asociación Troglobios [3][4], da que vexo que é ou era socio. Unha colección fascinante á que lle fixen algunhas fotos:
E non teño moito máis que dicir: fun a unha biblioteca á que facía tempo que non ía e paseino moi ben. Ah! E tamén lla descubrín á miña amiga, que quedou encantada.
Despois fumos doar sangue e fumos paseando polo Parque de Eirís, outro lugar estupendo de Coruña, pero non teño tempo para falar del.
NOTAS
[1] ↑ Trátase dunha das cinco bibliotecas públicas de propiedade estatal (pero xestión autonómica) que hai en Galicia. As outras bibliotecas estatais están en Compostela, Lugo, Ourense e Pontevedra. Pensaba que a principal biblioteca de Ferrol, na Praza de España, e a antiga “Central” de Vigo tamén eran deste tipo, pero acabo de comprobar que non: son municipais. Creo que a confusión venme de cando estaba na universidade: por aquela, a de Vigo pertencía, xunto ás cinco estatais, a unha categoría especial da Rede de Bibliotecas de Galicia que era a de “bibliotecas nodais”. Supoño que pensei que a de Ferrol, sendo Ferrol, xunto as cinco capitais e Vigo, unha das setes principais cidades de Galicia, tamén era dese palo. Non é nin foi o caso. [2]
[2] ↑ Esta digresión pode parecer un pouco gratuita, pero me encantan as institucións, os organigramas, as categorías e as cousas ordeadas en xeral e me gusta coñecer estas cousas. É dicir: que a fago polo meu propio gozo e tes que pandar.
[3] ↑ Nesta asociación está ou, polo menos, estivo en tempos unha prima segunda miña, de nome Eva, á que apenas coñezo. De feito, así foi que coñecín esta asociación: esta prima miña viu con xente da asociación ao centro onde eu traballaba de monitor (o Coruña Laser Combat, de querida memoria), recoñecímonos (porque apenas nos víramos unhas poucas veces nas nosas vidas) e ela explicoume de que ía a movida. Sei que tiven curiosidade, pero nunca cheguei a participar. De feito, non vexo a esta prima dende entón! Pregúntome que tal lle irá… E se seguirá na asociación!
[4] ↑ Os troglobios son as formas de vida (-bios) que viven nas cavernas (troglo-).





