Berlín, de Jason Lutes

Portada do cómic. O fondo é unha paisaxe urbana do Berlín de circa 1930. Un cartel no lateral dunha vía de tren elevada pon "Alexanderplatz". A paisaxe está debuxada en cores laranxa e negro. En letras grandes, vermellas, pon "Berlín"; en brancas, pon "Jason Lutes". En brancas e pequenas, "Astiberri".
Portada da edición integral en castelán

Este mes, polo meu club de lectura de cómic (o da biblioteca do Fórum Metropolitano), lin1 “Berlín”, de Jason Lutes, na súa versión integral.

Trátase dunha obra coral, suma de moitas historias cruzadas, ambientada na devandita cidade entre os anos 1928 e 1933. O tema central é o ambiente político da cidade durante eses anos, de ascenso do fascismo, obviamente, pero tamén de grande actividade esquerdista (e, concretamente, comunista) e de moita liberación individual no relativo á sexualidade. O resultado é como un deses cadros enormes da tradición occidental, cheos de detalles, como O Xardín das Delicias, sendo eses detalles neste caso vidas humildes, costumbrismo, cultura material, estampas, olladas, retrato dunha época. Unha estrutura con moita personalidade e que aporta moito, facendo máis interesante o contido. Polo demais, gustoume máis (e moitísimo) polo seu propósito documental (e documentadísimo) que polas personaxes e as súas historias, que no fondo só me interesaron como excusa e vehículo para falar dos diversos temas, non tanto porque realmente chegasen a importarme. Isto non fixo que a obra me gustase menos, senón, quizá, incluso máis. Como curiosidade, un dato: o primeiro capítulo do libro (publicado por partes) veu as tendas no ano 1996; a última parte, en 2018. 22 anos.

En fin: recomendo moi forte. Sinto que, de feito, non lle fago ningunha xustiza con este post, pero quería comentalo e deixar constanza, pola miña propia memoria futura.


NOTAS

  1. Mellor sería dicir que o lin en 3-4 ocasións separadas durante este mes. Nas dúas primeiras ocasións, a principios de mes, debín ler 1/4 do cómic, dende logo non máis, e hoxe lin o resto. Lamentablemente, para cando tiven que marchar á reunión do clube, hoxe mesmo, só tiña lida a metade do libro, pero a sesión foi interesante igualmente, e encirrou as miñas ganas (xa existentes) de rematalo. Afortunadamente, puiden levalo comigo de novo e rematar de lelo, cousa que fixen xusto despois da reunión, ceando nunha cafetería. Dúas horas me levou, pero non podía parar, así de bo é. ↩︎

1 comentario en “Berlín, de Jason Lutes”

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario