O emperador Yongzheng e a relixión

O emperador chino Yongzheng da dinastía Qing, o mandato do cal foi entre 1722 e 1735, estaba firmemente en contra da práctica do cristianismo pola súa xente, as persoas manchúes, pero non parece que tivese nada contra o cristianismo en si. Isto aparece nun decreto que fixo a raíz dun caso concreto:

O Señor do Ceo é o Ceo mesmo. (…) No imperio, temos un templo para venerar o Ceo e facerlle sacrificios. Nós, os manchúes, temos o Tiao Tchin*. O primeiro día de cada ano, quemamos incienso e papel para venerar o Ceo. Nós, os manchúes, temos os nosos ritos particulares para venerar o Ceo. As xentes dos pobos mongol, han, ruso e europeo tamén teñen os seus ritos particulares para venerar o Ceo. Nunca dixen que el [Urcen, un fillo de Sun] non poida honrar ao Ceo, senón que cada un ten o seu modo de facelo. Como manchú, Urcen debería facelo coma nós.

Extracto de “The Manchu Way: The Eight Banners and Ethnic Identity in Late Imperial China”, de Mark C. Elliot (2001).

(Ese “Tiao Tchin” parece ser Tiao Shen, a ceremonia chamánica manchú, pois o pobo manchú era practicante do chamanismo.)

Este documento inclúe a seguinte premisa: a divinidade, Deus, que é adorado por/en moitas relixións é o mesmo en todas elas, sendo as formas de adoración a cousa que varía. É dicir: a diferencia de hoxe en día, que a relixión é vista (en gran parte) como unha cuestión de crenzas persoais, máis que de actos, era neste espazo-tempo unha cuestión de práctica.

É interesante isto á luz da etimoloxía da nosa palabra ‘relixión’, que provén do latín. Para Cicerón, ‘religio’ significaba o culto ás deidades e a correcta realización dos ritos na veneración das deidades, mentres que Xulio César usouna co significado de ‘obligación dun xuramento’. Algúns diccionarios respectados din que significaba ‘respecto polo sagrado, reverencia ás deidades, sentido da rectitude, obligación moral, santidade’ ou ‘obligación, vencello coas deidades’ (diversos diccionarios). Unha posible etimoloxía máis antiga faría vir a palabra de ‘ligare’, facéndoa significa ‘volver a conectar’. Os romanos consideraban ademais que o equivalente grego do seu termo era ‘threskeia’, que significaba diversas cousas, dende ‘medo respetuoso ás prácticas excesivas ou daniñamente distractivas doutras persoas’ até ‘prácticas de culto’, pasando por ‘as prácticas de culto correctas’. A idea central era: a actitude virtuosa individual de quen sente unha compulsión por cumprir coas obrigas sociais, sendo unha destas a que se ten coas deidades, e os comportamentos derivados desa compulsión (é dicir, o cumprimento desas obrigas), caracterizados pola ortodoxia e a dilixencia. En todo caso, facía referencia a comportamentos e as emocións/actitudes que levan a eses comportamentos, non ás crenzas (os deuses dábanse por feitos).

Os termos hebreos, árabes e sánscritos que normalmente se traducen como ‘relixión’ significan realmente ‘lei’, do que podemos entender que se refiren ás prácticas esixidas polas leis do pobo. Tampouco existía no Xapón á altura do século XIX unha palabra para relixión. Os elementos que consideramos que compoñen as relixións tradicionais de Xapón, China e India (o sintoísmo, o confucianismo, o budismo, o hinduismo) non eran vistos como parte dun conxunto específico “a relixión”, senón elementos sen máis de diversas facetas da cultura e a vida.

Na Idade Media, a palabra ‘religion’ pasou a ter o significado de ‘comunidade relixiosa’, ‘orde’ e ‘vida rexida por votos monásticos’. A idea actual da relixión como un ámbito específico e distinto da vida non aparece ata o século XVI, cando comeza a empregarse para distinguir o dominio da Igrexa do das autoridades civís, no marco do humanismo e da Reforma protestante, así como para distinguir o protestantismo do catolicismo e o cristianismo das outras relixións do mundo no marco das viaxes e descubrimentos transoceánicos.

Algunha xente considera que moitas culturas non-occidentales non tiñan e/ou non teñen relixión, pois non tiñan o concepto. Con todo, as súas sociedades e culturas si tiñan e teñen elementos que poden ser encadrados dentro deste concepto.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario